RARAS (EXILIADAS, PERIFÉRICAS E MONSTRAS)
Anomalía.
Son anomalía.
Quizais a semente non tivo calor abondo? Son froito dun erro?
Non. Simplemente nacín muller. Nacín desafiando a túa norma.
Son monstra.
A miña pel cuberta de escamas lémbrame que podo volver ó Océano cando precise respirar.
Son periferia.
Habito nun mundo en extinción. Non quero vivir no teu edificio escuro e frío. Imos derrubalo.
Imos vivir nas árbores. Ou nos ríos e nas pedras do mar. Onde fala a auga e o vento non deixa que se escoiten os teus rezos mesquiños.
Son rara.
Gosto de camiñar descalza na area, nadar espida, peitearme co vento e rir baixo a chuvia.
Nunca encaixei no oco que ordenaches para min.
Non veñas buscarme.
E non me cales.
Non. A man que aperta a gorxa non vai calar a miña voz. Porque cando apertas, a voz pasa á gorxa das miñas irmás. Así nunca deixará de berrar a miña voz.
Porque somos raras. Somos anomalía. Somos exiliadas no teu mundo escuro. A túa norma non pode tocarnos. Aquí, no bordo do mundo non se escoita a pegada das túas botas destrutoras.
Só escoitamos o arrolo do mar escachando nas rochas xusto no instante no que botamos a voar no azul infindo.
Viki Rivadulla